jueves, 10 de octubre de 2013

Comezo do novo curso! Obradoiro de adultos no San Xerome Emiliani.

Comezamos o obradoiro de Teatro de adultos con moitas ganas e ilusión!  Aínda quedan prazas libres así que se tes ganas de facer teatro, non o dubides! Apúntate!

Tamén quedan prazas para os outros obradoiros. Teatro para nen@s e teatro adultos no horario das 18h.

jueves, 19 de septiembre de 2013

Obradoiros de Teatro a partir de Outubro


Chega setembro! outro ano máis contamos co ximnasio do San Xerome Emiliani para xogar, experimentar e ensaiar...

Teatro para nen@s de 17 a 18.

Teatro para adultos de 18 a 19 e formación actoral de 19 a 20:30

Animádevos a facer Teatro!

martes, 11 de junio de 2013

PROXIMAMENTE!!!



O vindeiro venres 28 de xuño, realizaremos unha mostra das obras que estivemos traballando este ano no obradoiro de teatro realizado no ximnasio do San Xerome Emiliani e no c.s Fuscalho.

Agradecemos a colaboración destas asociacións e tamén do Concello da Guarda por cedernos o Centro Cultural para a estrea.

Os horarios serán:
Cacholiña teatro estrea a súa peza: Rebelión na Granxa Gayoso ás 18h.
Cachola teatro presenta a súa peza: Miniaturas de identidade ás 20:30h.

Tarde de teatro na Guarda! Animádevos a vir!!

viernes, 24 de mayo de 2013

Obradoiro teatral: "A construción do personaxe"

O sábado 25 de maio, estiven en Oia realizando un monográfico de expresión corporal e construción do personaxe, para a asociación teatral "O mellor de cada casa" de Viladesuso.

Centramos a atención sobre o corpo e as súas posibilidades expresivas, probando dinámicas e poñéndonos en diversas situacións dramáticas.

Tamén traballamos sobre a base da Commedia dell´ Arte e algúns dos seus caracteres tradicionais, para aprender despois a crear nós mesmos todo tipo de personaxes!!





E aquí unhas fotos do grupo en metade do traballo:




miércoles, 8 de mayo de 2013

17 de maio Día das Letras Galegas adicado a Roberto Vidal Bolaño


Roberto Vidal Bolaño naceu en Compostela o mesmo ano en que morreu Castelao en Buenos Aires. Foi o derradeiro día do mes de xullo, no barrio de Vista Alegre, un barrio proletario compostelán onde empezaría máis adiante os seus primeiros estudos. Entre o seu nacemento e a data na que se dá conta da estrea da súa primeira peza teatral, 1965, cando só tiña quince anos, a súa vida transcorre entre o traballo e uns precoces inicios formativos co cinema e coa literatura, que acompañaban os seus días de estudo. Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches. Ata que lle toca ir a Ceuta para facer o servizo militar no exército español, entre os anos 1971 e 1973, coñece oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha axencia de viaxes. Mais as ataduras laborais, en dedicación e en tempo, e a humana pulsión que o convidaba a se liberar delas encirran a súa necesidade de formación e enriquecemento artístico e cultural.  (...)

En 1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero xa dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con Xaquín García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en 1975 o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor. Un ano despois, chega Laudamuco, señor de ningures, aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao esperpento, que recibirá o Premio Abrente. A peza publicarase en 1977, canda as Ledaíñas pola morte do Meco.

En 1976, casa con Laura Ponte, unha das nosas máis grandes actrices. Roberto Vidal Bolaño vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego que toma conciencia de si, nos que Vidal Bolaño é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor. Talvez entre todas elas, o Laudamuco sexa a máis lembrada, porque irrompeu nun tempo escuro coma un disparo de luz e de liberdade expresiva e creativa. Pero entre o ano en que se crea o grupo Antroido e o da creación do Centro Dramático Galego (1984), na que Roberto participa tamén activamente, hai unha manchea de obras que lle dan corpo á nosa dramaturxia e empezan a facer posible que hoxe poidamos falar dunha literatura dramática plenamente activa no campo literario galego.(...)

En 1977, Roberto Vidal Bolaño é despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983) son algúns dos seus espectáculos durante o dito período. Mais neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. O Teatro do Estaribel fora unha cooperativa na que participaron os grupos Antroido e Andrómena.

O mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal Bolaño escribe e dirixe Agasallo de sombras, unha visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía. A obra, poética, fermosa e dura a un tempo, é a segunda montaxe do CDG. E, curiosamente, o que debería de ser o inicio dunha colaboración estreita, continua e mutuamente enriquecedora entre o noso centro dramático nacional e o autor, director e actor que se implicou vitalmente na edificación do teatro que o CDG debía coidar, proxectar, asentar e desenvolver, acabou por ser o principio dun período en que o dramaturgo sufriu certo distanciamento do ámbito teatral e participou máis continuadamente nalgunhas actividades da industria audiovisual. A razón non foi unha escolla persoal de Vidal Bolaño, senón a consecuencia dunha polémica que mantivo con representantes do poder político, dos que dubidaba que tivesen o interese suficiente polo teatro galego como para que deles dependese o CDG. Roberto Vidal Bolaño foi consecuentemente belixerante na defensa non só do teatro nacional senón do propio centro dramático, e iso custoulle verse apartado da posibilidade de seguir colaborando coa institución durante unha boa temporada. Foi literalmente vetado polo poder político e a pesar de todo non recibiu o apoio e a solidariedade necesaria da totalidade dos seus compañeiros de profesión. O seu Caprice des Dieux, un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus personaxes.

Esta experiencia convídao a tomar distancia respecto ao teatro institucional e mesmo respecto á posibilidade de desenvolverse profesionalmente no eido teatral. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no sector audiovisual no que encontre, ata o ano 1991, en que obtén o Premio Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor, a súa principal fonte de ingresos.

No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empeza a andar o xermolo das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón como un labor profesional e artístico de primeira importancia para un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala, polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada. Para ese labor ten que contribuír tamén, e coa máxima eficacia, a dobraxe de películas. Entre elas, algunhas das obras mestras do cinema universal, que tan ben coñecía Roberto. Contribuír a activar unha industria da dobraxe en Galicia podía ser un interesante primeiro chanzo para armar o imprescindible sistema audiovisual galego. O cine galego plenamente normalizado tería moito avanzado se a industria da dobraxe se asentaba e se a relación entre as producións dobradas e o gran núcleo de espectadores era frutífera. A ese importante labor se consagrou tamén, durante un período importante da súa vida, Roberto Vidal Bolaño. (...)

Durante todos eses anos, desde a creación do CDG ata que funda en 1992 con Belén Quintáns a compañía Teatro do Aquí, o teatro non deixa nunca de estar na cerna das súas actividades creativas, pero inviste moitos esforzos, e non todos co resultado merecido, en proxectos para un campo audiovisual galego que non quixo ver nel máis ca o excelente actor que tamén era. Son moitos os produtos audiovisuais que Vidal Bolaño proxecta, e non sempre con receptividade por parte das empresas do sector. Talvez porque os proxectos eran pouco coincidentes. Por iso, a participación do noso dramaturgo en producións audiovisuais foi máis importante como actor; poucas veces lle ofreceron dirixir ou escribir unha película, unha serie, un episodio. Ata que no ano 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade, diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade. Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto Vidal Bolaño participou ata os seus últimos días no equipo de desenvolvemento dese proxecto da TVG.(...)

Sería interminable unha relación exhaustiva de todos os seus textos, estreas, premios e galardóns diversos nos últimos dez anos da súa vida. Abonde con lembrar algunhas outras das pezas cimeiras da súa literatura, e da literatura galega, como Rastros, estreada en 1998, Doentes, Premio Rafael Dieste en 1997, Anxeliños (1997), Criaturas (2000), A burla do galo (2000), Mar revolto (2001) ou Sen ir máis lonxe, un monólogo estreado en 1999 e publicado en 2002 na revista A Trabe de Ouro, dirixida por X.L. Méndez Ferrín, quen o cualificou coma o testamento teatral de Roberto Vidal Bolaño. Pero a carón dese mangado de textos, que sen dúbida fan parte esencial da literatura galega, tamén deixou o seu labor como dramaturgo na adaptación e dirección dalgunhas obras doutros dos nosos autores senlleiros. Entre elas, cómpre destacar a súa montaxe do texto de Daniel Cortezón Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999) e, sobranceiramente, a Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo, un autor que Roberto Vidal Bolaño admirou coma a poucos. Esta derradeira fase da súa vida foi tan prolixa en textos e montaxes teatrais coma en merecidos premios, non só como autor, senón tamén como actor, como director, como escenógrafo e mesmo como iluminador. Era o constante e merecido recoñecemento a unha figura capital do noso teatro e da nosa literatura.


No ano 2002, a compañía Teatro do Aquí estrea Animaliños, unha montaxe na que Vidal Bolaño non só achega o texto, senón tamén a dirección, o espazo escénico e a iluminación. É o seu derradeiro traballo dramático. O 11 de setembro, pouco despois da publicación do monólogo Sen ir máis lonxe, a enfermidade, que non o dera apartado dos escenarios nin dos seus textos, armouse de carraxe e levouno canda ela. Morreu na cidade en que viu a luz por primeira vez. Morreu en Compostela. Só tiña 52 anos, e deixaba tres fillos, Roi, Miguel e Carme, e unha obra tan intensa e xenial como numerosa. Estaba no mellor da súa vida creativa. Ninguén saberá nunca canto podería aínda achegarlles ás nosas letras de non ser por unha morte tan extemporánea. Pero si que sabemos o que nos deixou: unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles.

Os amigos, familiares e compañeiros velámolo aquel 11 de setembro de 2002 no Salón Teatro, fielmente acompañado polo seu chapeu e o seu nariz de pallaso. Ao outro día, deixámolo descansando para sempre en Boisaca. Orfos da súa compaña, pero enriquecidos coa súa inmensa capacidade creativa.

 
Texto escrito por Antón Dobao para a Real Academia Galega




Para máis info, na ligazón http://robertovidalbolano.org/es/




miércoles, 20 de marzo de 2013

Match de Improvisación no c.s Fuscalho



Qué é un match de improvisación?

É un formato deportivo-teatral no que dous equipos de xogadores, improvisan escenas cunhas reglas establecidas por un árbitro, e cun público que vota en cada partida pola mellor representación.

Qué é unha improvisación?

Normalmente empregada no teatro como exercicio para estimular a capacidade de reacción e a espontaneidade dos actores na escena, a improvisación no match é un formato de creación teatral con reglas similares ás do deporte.
A acción, o dinamismo e as situacións cómicas, son o aspecto positivo que fai deste formato un espectáculo en sí mesmo.

Para participar, anotarse media hora antes no c.s Fuscalho (rúa Colon).  Animádevos a facer Teatro!!

Mensaxe do dia Mundial do Teatro 2013




O vindeiro 27 de marzo é o Día Mundial do Teatro, unha cita creada polo Instituto Internacional do Teatro ITI en 1961 para lanzar unha mensaxe a prol da cultura, da paz e da solidariedade internacional desde os escenarios de todo o mundo. A primeira mensaxe foi escrita en 1962 polo poeta fancés Jean Cocteau. Este ano tocoulle ao autor italiano Dario Fo. Esta é a súa mensaxe, na que denuncia a persecución dos cómicos e avoga por unha nova diáspora de comediantes. Nós, que vimos de sofrer esa persecución por parte dos que ocuparon o poder en Compostela, tamén somos testemuña de que a diáspora provoca oportunidades para unha nova representación. 
Mensaxe de Darío Fo
"Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país. Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.
Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.
Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.
Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell'Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.
Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos 'nenos milaneses', establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: "Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro! Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables."
Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación."
*versión en galego feita pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia




Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro


Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado .
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súa actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e  Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien. Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.
Cesáreo Sánchez