miércoles, 20 de marzo de 2013

Mensaxe do dia Mundial do Teatro 2013




O vindeiro 27 de marzo é o Día Mundial do Teatro, unha cita creada polo Instituto Internacional do Teatro ITI en 1961 para lanzar unha mensaxe a prol da cultura, da paz e da solidariedade internacional desde os escenarios de todo o mundo. A primeira mensaxe foi escrita en 1962 polo poeta fancés Jean Cocteau. Este ano tocoulle ao autor italiano Dario Fo. Esta é a súa mensaxe, na que denuncia a persecución dos cómicos e avoga por unha nova diáspora de comediantes. Nós, que vimos de sofrer esa persecución por parte dos que ocuparon o poder en Compostela, tamén somos testemuña de que a diáspora provoca oportunidades para unha nova representación. 
Mensaxe de Darío Fo
"Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país. Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.
Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.
Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.
Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell'Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.
Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos 'nenos milaneses', establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: "Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro! Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables."
Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación."
*versión en galego feita pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia




Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro


Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado .
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súa actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e  Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien. Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.
Cesáreo Sánchez

No hay comentarios:

Publicar un comentario