Roberto
Vidal Bolaño naceu en Compostela o mesmo ano en que morreu Castelao
en Buenos Aires. Foi o derradeiro día do mes de xullo, no barrio de
Vista Alegre, un barrio proletario compostelán onde empezaría máis
adiante os seus primeiros estudos. Entre o seu nacemento e a data na
que se dá conta da estrea da súa primeira peza teatral, 1965, cando
só tiña quince anos, a súa vida transcorre entre o traballo e uns
precoces inicios formativos co cinema e coa literatura, que
acompañaban os seus días de estudo. Desde moi novo, con apenas doce
anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de
recambios de coches. Ata que lle toca ir a Ceuta para facer o servizo
militar no exército español, entre os anos 1971 e 1973, coñece
oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha
axencia de viaxes. Mais as ataduras laborais, en dedicación e en
tempo, e a humana pulsión que o convidaba a se liberar delas
encirran a súa necesidade de formación e enriquecemento artístico
e cultural. (...)
En
1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero xa
dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con Xaquín
García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en 1975 o
espectáculo Amor e
crimes de Xan o Panteira,
de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor. Un ano
despois, chega Laudamuco,
señor de ningures,
aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao
esperpento, que recibirá o Premio Abrente. A peza publicarase en
1977, canda as Ledaíñas
pola morte do Meco.
En 1976, casa con Laura Ponte, unha das nosas máis grandes actrices. Roberto Vidal Bolaño vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego que toma conciencia de si, nos que Vidal Bolaño é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor. Talvez entre todas elas, o Laudamuco sexa a máis lembrada, porque irrompeu nun tempo escuro coma un disparo de luz e de liberdade expresiva e creativa. Pero entre o ano en que se crea o grupo Antroido e o da creación do Centro Dramático Galego (1984), na que Roberto participa tamén activamente, hai unha manchea de obras que lle dan corpo á nosa dramaturxia e empezan a facer posible que hoxe poidamos falar dunha literatura dramática plenamente activa no campo literario galego.(...)
En 1977, Roberto Vidal Bolaño é despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983) son algúns dos seus espectáculos durante o dito período. Mais neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. O Teatro do Estaribel fora unha cooperativa na que participaron os grupos Antroido e Andrómena.
O
mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal
Bolaño escribe e dirixe Agasallo
de sombras, unha
visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e da
súa relación con Manuel Murguía. A obra, poética, fermosa e dura
a un tempo, é a segunda montaxe do CDG. E, curiosamente, o que
debería de ser o inicio dunha colaboración estreita, continua e
mutuamente enriquecedora entre o noso centro dramático nacional e o
autor, director e actor que se implicou vitalmente na edificación do
teatro que o CDG debía coidar, proxectar, asentar e desenvolver,
acabou por ser o principio dun período en que o dramaturgo sufriu
certo distanciamento do ámbito teatral e participou máis
continuadamente nalgunhas actividades da industria audiovisual. A
razón non foi unha escolla persoal de Vidal Bolaño, senón a
consecuencia dunha polémica que mantivo con representantes do poder
político, dos que dubidaba que tivesen o interese suficiente polo
teatro galego como para que deles dependese o CDG. Roberto Vidal
Bolaño foi consecuentemente belixerante na defensa non só do teatro
nacional senón do propio centro dramático, e iso custoulle verse
apartado da posibilidade de seguir colaborando coa institución
durante unha boa temporada. Foi literalmente vetado polo poder
político e a pesar de todo non recibiu o apoio e a solidariedade
necesaria da totalidade dos seus compañeiros de profesión. O seu
Caprice des Dieux,
un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha
visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus
personaxes.
Esta experiencia convídao a tomar distancia respecto ao teatro institucional e mesmo respecto á posibilidade de desenvolverse profesionalmente no eido teatral. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no sector audiovisual no que encontre, ata o ano 1991, en que obtén o Premio Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor, a súa principal fonte de ingresos.
No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empeza a andar o xermolo das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón como un labor profesional e artístico de primeira importancia para un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala, polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada. Para ese labor ten que contribuír tamén, e coa máxima eficacia, a dobraxe de películas. Entre elas, algunhas das obras mestras do cinema universal, que tan ben coñecía Roberto. Contribuír a activar unha industria da dobraxe en Galicia podía ser un interesante primeiro chanzo para armar o imprescindible sistema audiovisual galego. O cine galego plenamente normalizado tería moito avanzado se a industria da dobraxe se asentaba e se a relación entre as producións dobradas e o gran núcleo de espectadores era frutífera. A ese importante labor se consagrou tamén, durante un período importante da súa vida, Roberto Vidal Bolaño. (...)
Durante
todos eses anos, desde a creación do CDG ata que funda en 1992 con
Belén Quintáns a compañía Teatro do Aquí, o teatro non deixa
nunca de estar na cerna das súas actividades creativas, pero inviste
moitos esforzos, e non todos co resultado merecido, en proxectos para
un campo audiovisual galego que non quixo ver nel máis ca o
excelente actor que tamén era. Son moitos os produtos audiovisuais
que Vidal Bolaño proxecta, e non sempre con receptividade por parte
das empresas do sector. Talvez porque os proxectos eran pouco
coincidentes. Por iso, a participación do noso dramaturgo en
producións audiovisuais foi máis importante como actor; poucas
veces lle ofreceron dirixir ou escribir unha película, unha serie,
un episodio. Ata que no ano 2001 participa como guionista e como
actor na miniserie Un
Mundo de Historias,
unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa
literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara
de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo
Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios
correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade,
diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade.
Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto Vidal Bolaño
participou ata os seus últimos días no equipo de desenvolvemento
dese proxecto da TVG.(...)
Sería
interminable unha relación exhaustiva de todos os seus textos,
estreas, premios e galardóns diversos nos últimos dez anos da súa
vida. Abonde con lembrar algunhas outras das pezas cimeiras da súa
literatura, e da literatura galega, como Rastros,
estreada en 1998, Doentes,
Premio Rafael Dieste en 1997, Anxeliños
(1997), Criaturas
(2000), A burla do
galo (2000), Mar
revolto (2001) ou Sen
ir máis lonxe, un
monólogo estreado en 1999 e publicado en 2002 na revista A
Trabe de Ouro,
dirixida por X.L. Méndez Ferrín, quen o cualificou coma o
testamento teatral de Roberto Vidal Bolaño. Pero a carón dese
mangado de textos, que sen dúbida fan parte esencial da literatura
galega, tamén deixou o seu labor como dramaturgo na adaptación e
dirección dalgunhas obras doutros dos nosos autores senlleiros.
Entre elas, cómpre destacar a súa montaxe do texto de Daniel
Cortezón Xelmírez ou
a gloria de Compostela
(1999) e, sobranceiramente, a Rosalía,
de Ramón Otero Pedrayo, un autor que Roberto Vidal Bolaño admirou
coma a poucos. Esta derradeira fase da súa vida foi tan prolixa en
textos e montaxes teatrais coma en merecidos premios, non só como
autor, senón tamén como actor, como director, como escenógrafo e
mesmo como iluminador. Era o constante e merecido recoñecemento a
unha figura capital do noso teatro e da nosa literatura.
No ano 2002, a compañía Teatro do Aquí estrea Animaliños, unha montaxe na que Vidal Bolaño non só achega o texto, senón tamén a dirección, o espazo escénico e a iluminación. É o seu derradeiro traballo dramático. O 11 de setembro, pouco despois da publicación do monólogo Sen ir máis lonxe, a enfermidade, que non o dera apartado dos escenarios nin dos seus textos, armouse de carraxe e levouno canda ela. Morreu na cidade en que viu a luz por primeira vez. Morreu en Compostela. Só tiña 52 anos, e deixaba tres fillos, Roi, Miguel e Carme, e unha obra tan intensa e xenial como numerosa. Estaba no mellor da súa vida creativa. Ninguén saberá nunca canto podería aínda achegarlles ás nosas letras de non ser por unha morte tan extemporánea. Pero si que sabemos o que nos deixou: unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles.
Os
amigos, familiares e compañeiros velámolo aquel 11 de setembro de
2002 no Salón Teatro, fielmente acompañado polo seu chapeu e o seu
nariz de pallaso. Ao outro día, deixámolo descansando para sempre
en Boisaca. Orfos da súa compaña, pero enriquecidos coa súa
inmensa capacidade creativa.
Para máis info, na ligazón http://robertovidalbolano.org/es/
No hay comentarios:
Publicar un comentario